Archivo de la etiqueta: xosé neira vilas

“Todo fai pensar que sí, que Colón era galego”

XOSÉ NEIRA VILAS – Escritor, numerario da Real Academia Galega

“Mosqueira Manso decíame que o feito de que a ‘Pinta’ chegase a Baiona non foi casual, dacordo coas corrrentes marinas nunca tería chegado… O almirante fixo que Galicia fose o primeiro lugar onde se tivese noticia do descubrimento”

Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas, nunha leira de millo da súa aldea, Gres, en Vila de Cruces. // Bernabé/ Javier Lalín

SUSANA REGUEIRA – PONTEVEDRA O vindeiro día 20, no 114 aniversario da primeira conferencia na que Celso García de la Riega plantexou en Madrid a teoría do Colón galego, celebrarase na Casa de Galicia da capital outro relatorio para afondar nesta hipótese aínda non refutada á que distintos autores na emigración, entre eles Xosé Neira Vilas, teñen adicado traballos.

-Os autores da emigración coñecían a teoría do Colón galego?

-Si claro que a coñecían e de feito escribiuse moito sobre o tema, sobre todo en Cuba, na Arxentina tamén, pero sobre todo en Cuba escribiuse moito do Colón galego a partir da conferencia de Celso García de la Riega.

-Cumplense 114 anos desa conferencia. Que significou?

-Significou de feito espertar a posibilidade de que Colón fose galego. Hai algúns datos de De la Riega que foron revisados e previsiblemente alterados por él pero abriu unha posibilidade e según investigadores posteriores vese que si, que todo fai pensar que si, que Colón era galego.

-Que investigadores da emigración afondaron na teoría?

-Na emigración temos por exemplo traballos publicados en Cuba de Enrique Zas, Ramón Marcote, Luciano Rei, Alfonso de Bustos, Ricardo Beltrán, Rafael Calzada, Antonio Valero e moitos outros, algúns deles son libros. – o máis significado é o libro de Xosé Mosqueira Manso, moitos anos despois e non en Cuba senón na Arxentina. Mosqueira Manso era un capitán dun barco da Marina Mercante durante e República e foise exiliado para Venezuela, alí dirixiu traballos de investigación sobre, por exemplo, as tartarugas do Orinoco e moitas cousas máis, e tamén, a partir deses traballos sobre Colón que coñecía de Cuba, publicou “La cuna gallega de Cristóbal Colón”, que se publicou en Buenos Aires.

-Estudia a toponimia?

-A toponimia e moitas cousas máis, é asombroso: comprobou que hai polo menos 105 ou 106 topónimos dos primeiros lugares que Colón vai nomeando que son galegos, empezando polo primeiro, xa lle pon San Salvador, e despois máis de cen da ría de Pontevedra, eso é algo moi significativo. Eu por exemplo vin no extremo oriental de Cuba Portosanto, un topónimo pontevedrés, tamén está nas Azores pero é pontevedrés. Logo sábese que a carabela Santa María chamouse antes La Gallega, houbo outra carabela El Gallego.

-Coincidiu vostede con Mosqueira Manso?

-Estivo comigo en Buenos Aires cando foi á Arxentina a publicar ese libro na Editorial Citania que dirixía outro galego, Luís Seoane, e decíame que o feito de que a Pinta chegase de volta a Baiona non foi casual, dacordo coas correntes marinas nunca tería chegado alí, senón que houbo que facer o esforzo de facela chegar alí. Sin decilo, sin consideralo nunca nos seus diarios, o Almirante fixo que Galicia fose o primeiro lugar onde se tivese noticia do descubrimento, e non na Galicia da Costa da Morte etc, non, senón na costa pontevedresa, en Baiona, el sospeitaba que Colón deliberadamente fixo que a Pinta chegase alí. Mosqueira Manso, que era un experto oceanólogo e ten moitos traballos de investigación mariña, era un gran coñecedor, dixo que polas correntes marinas a Pinta volvería máis ou menos a Huelva ou así, de onde saleu, pero nunca ó norte, á costa galega, que se fixo un esforzo deliberado para que chegase aquí.

-Vostede adicou varios traballos á teoría do Colón galego

-Varios, o máis extenso, incluso ilustrado co cruceiro de Colón en Portosanto e coa portada deste libro de Mosqueira Manso, está no meu libro “Memoria da Emigración 1”, porque son tres tomos, e ahí describo moitas cousas. Gustaríame lembrar unha moi interesante: hai unha novela deliciosa sobre Cristóbal Colón de Alejo Carpentier, o gran novelista cubano, “El arpa y la sombra”, porque a finais do século XIX houbo o proxecto de canonizar a Colón e eso creou moita polémica, Carpentier decía “yo he conocido pescadores santos, pero navegante ni uno” (sorrí). – houbo discusións no Vaticano e todo eso, Carpentier conta todo eso con moita gracia e moita información, porque as súas novelas históricas son moi rigurosas, e eu recomendaría á xente que lera esa novela que é moi informativa aínda que sexa a través dunha novela. Pero despois do libro de Mosqueira Manso xa houbo outros publicados aquí, por exemplo Alfonso Philippot ten un libro sobre Colón con moita documentación, moitísima, un libro de moito volume no que di que Colón e Pedro Madruga son a misma persoa, que xa é un pouco máis ousado, pero o cura de Bandeira, outro investigador do tema, ratifica eso e ten outro libro que tamén insiste neso. O que si é certo é que Pedro Madruga era un home de armas tomar. Un exemplo é o de que un día chegaron con armas de fogo moi avanzadas uns soldados ingleses á baía de Vigo e él tratou de mercarllas, naturalmente non quixeron venderllas e o que fixo foi unha festa no castelo de Soutomaior, invitou a toda a marinería daquel barco inglés e mentras estaba na festa rouboulles as armas (risas), era un hombre de armas tomar, pero que fose o mesmo home que Colón parece ousado, pero Philippot neso é contundente.

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2012/12/05/fai-pensar-colon-galego/722085.html

Anuncios